Search for
Login | Username Password Forgot? | Email: | Create Account

Non English | Entries: 19 | Views: 113 | Updated: 7 years ago | | Add to My Feeds
Report

José Díaz Fuentes e o Salón de Outono de París



Ramón Villares
(Presidente do Consello da Cultura Galega)


O Grand Palais de París, erixido con motivo da Exposición Universal de 1900, representa a modernidade. Esta imponente arquitectura, situada nos Campos Eliseos, ilustra a conquista das estruturas e tipoloxías arquitectónicas e a revisión e actualización das ideas estéticas de comezo dun novo século, concitando un incuestionable poder simbólico de avance e cambio. Construído dentro dos parámetros estilísticos do Eclecticismo, resultou enormemente revolucionario pola súa intelixente combinación de elementos estruturais e pola plasmación da hibridación crítica e contemporánea das ideas estéticas dese momento, converténdose nun dos emblemas da innovación no seu tempo.


strong>Erixido para a conmemoración, para a colectividade, para os cidadadáns, neste edificio celébranse exposicións de diversa tipoloxía e actos excepcionais que pretenden reflectir unha distinción desde o coñecemento e a cultura. Os interiores do Palais de Paris, de considerable altura e heteroxeneidade espacial, fixeron posible a celebración de diferentes actos culturais ao longo da súa cumprida e sempre referencial historia arquitectónica e institucional. Unhas das iniciativas máis recoñecidas e aplaudidas que se desenvolven de forma anual, case desde o comezo da súa programación, é o Salon d’Automne de Paris (Salón de Outono de París).


As estancias do Salón, que serviron de proxección dunha clara vertente artística eclecticista, actuaron porén de retrato e escenario dunha creación artística en tránsito, rupturista e evolutiva, acollendo os novos pulsos de vangarda que revolucionaron os comezos do século XX, desde as tendencias dos Fauvistas, con Matisse e Vlaminck, até as paisaxes construídas de Cezanne, pasando por unha revisión e actualización dos postulados do postimpresionismo. A realización do Salón, con máis de cen anos de existencia, desenvólvese dentro dunha convocatoria aberta e plural propia deste tipo de iniciativas, e rexistra os cambios artísticos, sempre fluctuantes e heterodoxos, dun tempo e dunha cultura.


Unha das particularidades que mellor definen o Salón é o seu espírito cosmopolita e plural. Deste xeito, dentro da súa programación sobresae a selección de artistas, figurando sinaturas moi importantes ao lado de autores noveis, de diferentes nacionalidades, conxugando a identidade internacional, o que é exemplo da vontade conciliadora deste proxecto. Na selección de participantes no Salón de Outono destacan, dun xeito especial, diferentes artistas españois, moitos deles residentes en París, o que pon en evidencia ese vencellamento cómplice e afectivo coa cidade e coa colectividade artística que se deu ao longo do século XX.


Diversas obras seleccionadas en numerosas edicións son da autoría de José Díaz Fuentes, coñecido artista nacido en Sarria en 1940 e que se instala en París en 1970, cidade na que reside e traballa na actualidade. A súa ampla traxectoria artística vén definida por unha linguaxe orixinal e pola diversidade de campos creativos, sempre complementarios, que van desde a escultura e o debuxo até a realización de proxectos no espazo público, como a obra instalada nas inmediacións da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, A Medusa da cidade de Lugo, ou intervencións de carácter urbanístico nas prazas de Pontedeume, entre outras moitas realizadas para diferentes localidades francesas.


Unha das principais actuacións de José Díaz Fuentes, como membro da Sección de Escultura do Consello de administración do Salón d’Automne de París —e profundando no seu coñecido carácter divulgativo e promotor— foi a proxección cara ao exterior do Salón levando a súa presenza a diversas cidades de Europa. Deste xeito, e apoiándose no seu labor como director do Centro da Unesco en Sarria, ofreceu a posibilidade única de gozar das obras do Salón na súa localidade natal, proxecto que vén realizando desde o ano 2005. Grazas á súa intervención como promotor do Salón podemos visitar parte das obras seleccionadas tamén na edición deste ano —todas elas de distintas nacionalidades e heteroxeneidade artística—, instaladas nun espazo expositivo tan senlleiro como o claustro do convento da Madalena de Sarria, uníndose así as diversas plasmacións da modernidade nun diálogo creativo e histórico.


A presente edición de 2008 permitiralle ao público achegarse, de novo, ao territorio da creación contemporánea actual, converténdese nunha magnífica oportunidade para medir e analizar a arte desde unha perspectiva internacional e interdisciplinar, como concreción dunha paisaxe plural e como instrumento para entender e retratar a sociedade na que vivimos dende un panorama máis diverso e dialogante. Coa celebración do Salón en Sarria trasládase ao plano expositivo a imaxe do tránsito, das pasaxes e, en definitiva, da peregrinaxe : a experiencia de coñecemento das diversas latitudes e culturas, perfectamente ilustrada nunha mostra pensada e argumentada A través do camiño, título da presente edición.


A exposición do Salón en Sarria serve de punto de encontro desta realidade itinerante e diversificada, unha estrutura aberta á creación contemporánea e á sociedade que demanda e dialoga novos encontros, novas plataformas de expresión. Un cruzamento que recupera a vontade do camiño, como canle de entrada da modernidade, de novas ideas. Nesta nova edición, José Díaz Fuentes, o seu principal artífice, envorca olladas anovadas e enriquecedoras no devir da creación galega, nunha reunión coa cultura contemporánea europea e nunha viaxe de peregrinación de ida e volta.


O artista Diaz Fuentes mora en París pero non se esquece da sua terra de nación, que é Sarria. Unha vila que, por ser un dos pasos do Camiño de Santiago, tivo desde o principio da sua existencia unha relación de privilexio coa cultura galega, que é como decir a cultura europea, pois no itinerario cultural do Camiño así se formou. E un dos seus fillos ilustres, que se deslocou ao quilómetro cero do Chemin de St.Jacques, na beira esquerda do rio Sena, retorna na sazón do verán cun fardel de riqueza artística e cultural que faría as delicias de calquera cidade europea. A vila de Sarria, que ten sido berce de ilustres devanceiros, pode estar fachendosa de fillos como Diaz Fuentes quen, ao contrario do que acontece con frecuencia, dá no canto de pedir, achega no canto de expoliar, pregoa a sua orixe galega e sarriana no canto de negala. Os meus parabéns ao artista e á terra que o viu nacer.


More from Salon d'Automne Sarria

Memoria del Salon 08 Jun 13
Portada Salon 2008 08 May 3
Catálogo 2007 07 Nov 21


^ Back To Top